1 Setembro, 2019

-Ti sabes o que é amar?

Pregunteille ao meu compañeiro por entón. Esta consulta xerou nel certo malestar que provocou que se sentira máis cuestionado que coa capacidade de expresar unha reflexión meditada e vivida sobre o que o amor podía ser. Eu entristecínme e pensei ao mesmo tempo que amar tiña máis que ver con coidar as diferenzas e as fraquezas, aquilo que non gosta tanto da outra persoa ou que a fai diferente, que nun envorco súbito -e bastante narcisista- do entusiasmo -por se queda algunha dúbida, propio-. Neste sentido e interpretando a Benjamin, amar era máis parecido a aloumiñar as contrapartes máis escuras e menos desexadas, as que non locen nin brillan ao momento porque requiren do tempo e talento para ser descobertas. “…Es justamente aquí, en lo imperfecto y reprochable, donde anida la arrebatada emoción amorosa del amante…”

Cada vez con máis distancia imaxinei ‘aprender a amar’ coma unha materia obrigatoria de instituto, coma un tema de estudo -e de exame de ingreso!- nas militancias políticas, coma un traballo de autoexixencia interpersoal para o resto dos espazos da vida. Pregunteime cantas persoas había capaces de contestar a esa pregunta sen sentila coma un embate, que cantos amantes amaban (si, en masculino), que cantas persoas con liderados ou cargos públicos sabían querer ben máis aló de si mesmas. No complexo período que vai dende maio de 2011 á actualidade, sucederon demasiadas cousas que en ocasións superáronnos coma unha onda atlántica xigante, que na acción de xogar a pasala dobregounos e diseminou tamén o odio e a traizón entre amigos e amigas, a vinganza (fai pouco lín unha novela dunha escritora bastante nova que reivindicaba a vinganza “feminista”, -en serio?), a dificultade de construír liderados alternados, a incapacidade para identificar e conter estados persoais -e colectivos- danosos. A praxe feminista común era a contraposición máis efectiva destas dinámicas, pero aínda había moitos que pensaban que os feminismos eran “estos trapitos que os ponéis las mujeres” (un compañeiro dixit namentres se facía unha lea considerable cunha peza de roupa nin sequera tan feminina).

Dende unha soidade reconfortada, pensei que amar tiña que ser moito máis abrir e deixar paso, coidar os liderados doutras compañeiras sentíndoos como propios, mediar como resposta ás violencias que se enfrontan dende esa intelixencia, traballar a autoestima propia e colectiva para afastar as tempestades que deixan ao descuberto as inseguridades. Entendín que isto formaba parte dun problema histórico e político máis amplo e amnistiado. Que a ignorancia da traizón, do rancor, da vinganza e do odio supérase só co alimento das súas carencias, con memoria e con xustiza (algún día!). -E ti, sabes amar? Habería que formular como principio de cura de torturadores e asasinos, de neofranquistas a cabalo, e con todas as distancias pertinentes, de boa parte dos representantes da clase política actual e con máis, dalgúns compañeiros e compañeiras de militancia e de vida. E dunha mesma. É indubidable que a condición humana atópase fatalmente tensionada cara lóxicas sociais e económicas que a superan e que provocan o aniquilamento da súa natureza comunitaria, crítica, autónoma e reflexiva. Pero cando o meu interlocutor xa me abandonara co seu silencio, descifrei no amor o mellor antídoto contra o capital e nas violencias ao veleno neofranquista e neoliberal. A educación, o amor, serán feministas e anticapitalistas ou non serán, dixerín, definitivamente xa sen ti.