31 Marzo, 2019

Uberizar o rural

(A propósito do artigo de María Sosa publicado no diario El País o 30 de marzo de 2019, https://elpais.com/sociedad/2019/03/29/actualidad/1553886521_812991.html)

Parvo o último. Algunhas das medidas que pouco a pouco se van descubrindo da autoproclamada «Revuelta de la España Vaciada» devólvenme á miña máis tenra xuventude, alá polos anos noventa e moitos. Recordan o que pasaba por entón? Eu medraba coa decadencia dunha familia de clase media que, se ben non lle tiñan moito aprezo a Aznar, o seu estilo de vida non era tan distinto ao dos votantes-tipo do PP, e no fondo encantáballes escoitar que España ía ben. A miña familia era o soño cumprido de calquera parella de aldeáns afectados polo desarraigamento e habitados pola ecuación que se piso, que se outro e vendo o anterior e lle saco, entón que se chalete, e xa os dous coches, tres! Superada unha infancia de escaseza, con esforzo persoal e dedicación por obviar e eliminar calquera indicio de pailán, de galego, os homes e se cadra tamén as mulleres podían avanzar, ascender, vivir na metrópole, prosperar.

O Plan de Estabilización Económica de 1959 sentou os fundamentos dunha xeración aínda non achegada á mocidade que se atopaba no período vital ideal para asimilar dende o cabeceiro do subconsciente a lóxica desenvolvementista do decenio posterior, a pegada ianqui e a herdanza do rodete analfabetizante empurrado polo «quero e non podo» franquista. O rural galego sufriu unha tremenda despoboación nesas datas, pero non se atopaba «baleiro», máis ben nunha situación de progresiva colonización forestal previa legalización do despoxo dunha boa parte dos territorios do man común en períodos anteriores. Os espazos meridionais, do leste e centro peninsular particularmente, viviron neste tempo procesos tan diferentes como parellos de intensificación produtiva, acompañados de políticas monopolísticas ou de unificación e extensión agraria, segundo o caso. Esta situación foi continuada e agravada sen excepción polo resto dos gobernos dun e outro signo ata o momento actual.

O mundo rural representa os territorios que seguramente máis teñan sufrido a violencia das políticas hiperdesenvolvementistas deste longo período, pero aínda sostén unha memoria que segue viva. Manter a vida no rural e nas pequenas poboacións significou, e continúa a significar tamén, resistir, pensarse para si, traballar dende a memoria viva para construír dende a praxe do presente un futuro. Porén, a proposta dun modelo como Uber ou Amazon para os pobos, dimensionada polo diario El País dende a afirmación de Luis Antonio Sáez, director da Cátedra de Despoblación y Creatividad da Universidad de Zaragoza, é, como exercizo profesional, servil e interesado, e como reivindicación política, irresponsable. Unha das afirmacións di así: «Quizás en tu pueblo no haya un Corte Inglés en el que comprar un libro, pero si Amazon, aunque te llegue un día más tarde». Reconectar co discurso aspiracional dos anos noventa no actual contexto de crise económica non resolta e de desestruturación social é unha temeridade ecolóxica e sistémica que continuará a alimentar a besta reproducida nos espazos do rural. Se cadra, poderiamos lembrar dende aquí ao grupo promotor da plataforma, que humildemente teña a ben revisitar aos rexeneracionistas finiseculares, a quen citan e dende os que falan, e consultar os seus fundamentais. Joaquín Costa diría, nun contexto social e político diferente, que o desenvolvemento de novas infraestruturas virá determinado polo uso dos recursos dos que xa se dispón. Alá polos anos setenta e oitenta do século XIX. Que a esta reivindicación lexítima lle aparezan intereses á imaxe e semellanza da precarización da economía urbanita é unha pésima nova que conecta coa construción máis avolta e fachendosa de parte da historia recente e común. Un decenio despois, asomaba 2008. O avó e a avoa morrían e os fillos e fillas decidían montar un hostel no antigo espazo familiar. Os dramas da clase media continúan.

https://tenda.luzes.gal/tenda/luzes-67/

http://revistaluzes.com/2019/04/uberizar-o-rural/